O secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra, David Regades criticou á Xunta de Galicia polas obrigacións impostas aos concellos para a apertura dos parques infantís sen transferir dotación económica algunha para poder levalas a cabo con garantías sanitarias.
David Regades acompañado dos alcaldes de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; Cambados, Fátima Abal; Silleda, Manuel Cuíña e o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández compareceu este martes diante dos medios de comunicación no parque infantil das Palmeiras.
O Diario Oficial de Galicia deste sábado autorizaba a apertura de parques infantís municipais establecendo unha serie de directrices como unha limpeza e unha higienización constante dos elementos de xogo ou a instalación de hidrogeles e control de aforo, unha serie de condicións que ten que supervisar cada Concello como administración responsable destes espazos de lecer.
Para Regades esta forma de actuar por parte do Executivo galego é un "exemplo de improvisación" e de "ausencia de diálogo e cooperación coa Administración local" sen avaliar o impacto económico destas medidas ou preocuparse de ofrecer aos concellos medios persoais e materiais necesarios, dixo.
Os socialistas reclamaron o apoio económico do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo para facer fronte a estes gastos e esixiron que se dote aos municipios dos recursos necesarios a través do fondo de 300 millóns de euros que Galicia recibirá do Goberno central.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey asegurou que a apertura dos parques nas condicións actuais "é materialmente imposible de cumprir" e cre que "o mellor e o máis responsable é mantelos pechados" e "como máximo" só está disposto a "arriscarme" a abrir de maneira parcial algunha destas instalacións infantís e xa anticipa que o mesmo ocorrerá coas verbenas, que están autorizadas a partir do 1 de xullo
Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal tamén reprocha á Xunta que "nos cargue esta responsabilidade" e sinalou que non entende "como se permite a reapertura dos parques infantís e non a das garderías" e preguntouse "será porque a maioría das escolas infantís son a Xunta de Galicia e o señor Feijóo non quere asumir esa responsabilidade?".
Nesta liña, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña tamén formulou outra pregunta "se non houbese eleccións dentro dun mes levantariamos o Estado de Alarma?".
Por último, o tenente de alcalde, Tino Fernández asegurou que desde o inicio e durante toda esta crise da covid-18 "os concellos sentimos moi abandonados por parte da Xunta de Galicia" e que o Goberno galego segue "escondéndose" e "cargando de responsabilidades aos Concellos mentres se inhibe das súas".