Risas e xogos regresan, por fin, aos parques infantís de Pontevedra

Pontevedra
13 de xullo 2020

O goberno local reabriu este luns 13 de xullo os parques infantís do municipio, que permanecían pechados un mes despois da autorización autonómica para retomar a actividade para adecualos ao novo protocolo de prevención do Covid-19

Reapertura dos parques infantís de Pontevedra
Reapertura dos parques infantís de Pontevedra / Mónica Patxot

Fíxose de rogar, pero ao fin, case un mes despois da autorización da administración autonómica, Pontevedra reabriu este luns 13 de xullo os parques infantís do municipio.

Fíxoo tras completar un estudo sobre o aforo máximo de cada zona de xogos, que foron adaptadas ao protocolo elaborado para a prevención do Covid-19.

Desta forma as risas e os xogos de nenas e nenos regresaron aos parques cadro meses despois da prohibición establecida co Estado de Alarma.

A concellería de Desenvolvemento Sostible instalou en cada un dos 60 parques infantís do municipio cartelería co Loro Ravachol incorporado na que se explican as normas de uso destas zonas de xogo.

En concreto non se deberá exceder en ningún momento o aforo máximo establecido en cada parque, e será obrigatorio desinfectar as mans coa solución  hidroalcohólica que se segue instalando en dispensadores na entrada dos parques, así como manter a distancia de seguridade.

Por parte de Concello, cada xornada se desinfectarán as zonas infantís dentro dun plan de adaptación no que se investiron preto de 50.000 euros, dos que 15.000 corresponden á limpeza e desinfección polos parques durante o período dun mes.