Canto supón manter os parques infantís de Pontevedra en óptimas condicións hixiénicas cada mes?

Pontevedra
27 de agosto 2020

"Pontevedra é un dos poucos  Concellos que cumpre a pé da letra coa estrita normativa imposta pola Xunta", sinala o concelleiro de Desenvolvemento  Sostible e Medio Natural, Iván Puentes

Traballos nocturnos de limpeza e desinfección nos parques infantís de Pontevedra
Traballos nocturnos de limpeza e desinfección nos parques infantís de Pontevedra / Concello de Pontevedra

A reapertura de parques infantís, desde a conclusión do estado de alarma motivado pola pandemia da COVID19, supón aos Concellos un incremento do gasto que ata ese momento conlevaba o seu mantemento.

As condicións hixiénico sanitarias extrémanse, de forma que no caso do municpio de Pontevedra, cada día, ou mellor dito cada noite, realízanse traballos de limpeza e desinfección nos parques do núcleo urbano e do rural. Esta circunstancia, segundo as cifras que reporta a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, está a supoñer un custo mensual de 30.000 euros

Son sete horas, entre a medianoite e as sete da madrugada, as que dedican tres brigadas compostas de dous operarios cada unha, a realizar cada noite a limpeza e desinfección destes espazos - que no centro urbano elévanse a corenta -. Estas tarefas "permiten que o noso Concello sexa un dos poucos que cumpre a pé da letra coa estrita normativa imposta pola Xunta", sinala o concelleiro delegado desta área, Iván Puentes.

Nestas tarefas aplícase hipoclorito a presión, de forma que a solución desinfectante chega a todos os recunchos e puntos de contacto de elementos de xogo, pavimentos e valados perimetrais. Ao realizar estes traballos durante a noite, se garanitza o tempo de seguridade necesario para que estes espazos estean totalmente secos e en perfectas condicións de uso para a entrada do día. Ademais desta limpeza e desinfección cada parque dispón de dispón de dispensadores de xel hidroalcohólico, e sinalización específica con normas de uso e aforo.

O edil socialista lembra que “todas estas accións vanse manter durante os próximos meses ata que mellore a situación pandémica provocada polo coronavirus".