Pontevedra seguirá desinfectando a diario os seus parques infantís polo menos ata xaneiro

Pontevedra
21 de setembro 2020

O Concello renova por 137.000 euros para o próximos catro meses o contrato coa empresa que se encarga de desinfectar cada noite os corenta parques infantís do centro urbano e rural pontevedrés

Reapertura dos parques infantís de Pontevedra
Reapertura dos parques infantís de Pontevedra / Mónica Patxot

Os parques infantís do centro e do rural de Pontevedra seguirán desinfectándose cada día como medida de prevención contra a propagación do coronavirus. Pola vía de urxencia, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns a contratación deste servizo de limpeza para o próximos catro meses á empresa Garocaprim SL por valor de 137.000 euros.

Ata o momento o contrato renovábase de forma mensual, pero desde a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural consideran que "dada a delicada situación económica, é evidente que será necesario manter no tempo esta desinfección en profundidade das zonas de lecer infantil".

A adxudicataria destina actualmente a tres brigadas de dous traballadores cada unha a realizar estas tarefas todas as noites entre as 00.00 e as 7.00 horas para deixar os corenta parques infantís do municipio nas mellores condicións hixiénico sanitarias.

Na mesma Xunta de Goberno pero xa pola vía ordinaria, foron aprobadas a prórroga do servizo de impresión e papelería por 6.600 euros, un convenio de 2.000 euros coa asociación Xoán XXIII, acordos de colaboración con cada unha das 18 Anpas do municipio e un proxecto de rehabilitación na Ferraría vinculado ao ARI do Centro histórico valorado en 178.000 euros dos que serán subvencionados 60.000 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora