O Concello de Poio ten en marcha o proceso para a contratación de seis socorristas, garantindo este servizo básico nas praias de Cabeceira, en Lourido, e en Siorto, na parroquia de Raxó, durante o verán.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana o expediente de contratación, a través de sistema de oposición e destinado a persoas en situación de desemprego que estean incluídos na sondaxe realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, en base á oferta de emprego realizada polo Concello.
Serán seis as contratacións temporais, cunha duración de 3 meses e con xornada completa.
O servizo entrará en vigor a principios do mes de xullo tanto en Cabeceira como Siorto, as dúas praias de Poio que revalidaron este ano o distintivo de calidade Bandeira Azul.
Entre as funcións dos socorristas inclúense supervisar as zonas de baño, velar polo cumprimento das normas e usar os protocolos de actuacións establecidos para casos de accidentes ou ante situacións de emerxencia.
CASALVITO E O PADRÓN
Por outra banda, o Concello de Poio aprobou o expediente en Xunta de Goberno local e abriu o proceso de licitación, da obra de recuperación da contorna e a mellora da mobilidade entre Casalvito e O Padrón, un proxecto que ascende a preto de 730.000 euros.
As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 3 de xuño.
Trátase dun procedemento de contratación aberto, cuxo prazo de execución establécese en oito meses.
O proxecto inclúe melloras nas rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais para convertelos en espazos máis accesibles e seguros, ao mesmo tempo que se poñen en valor estas zonas.
Así, inclúese a renovación do pavimentado en toda a superficie de intervención, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única, dotación de servizos, iluminación LED, soterramento de instalacións de subministros e sinalización.