Polémica derruba da representativa Casa Guzmán en Madrid, obra do pontevedrés Alejandro de la Sota

Pontevedra
13 de xaneiro 2017

O fillo de Enrique Guzmán, a persoa para quen fora construída a vivenda, decidiu demolela para edificar outra no seu lugar. A Fundación Alejandro de la Sota lamenta a falta de protección e de sensibilidade cunha obra de referencia na arquitectura contemporánea española

A Casa Guzmán, realizada polo arquitecto Alejandro de la Sota
A Casa Guzmán, realizada polo arquitecto Alejandro de la Sota / Fundación Alejandro de la Sota

Na década dos anos setenta, o prestixioso arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota creaba a Casa Guzmán na urbanización madrileña de Santo Domingo para o enxeñeiro Enrique de Guzmán, que fora presidente de Construcións Auronáuticas S.A., de RENFE e tamén de Iberia, ademais de ocupar a Subsecretaría de Aviación Civil durante os Gobernos de Adolfo Suárez.

A casa era representativa da arquitectura moderna, contaba cunha estrutura rectangular dunha planta cun salón, unha sala de estar, cociña, dormitorios e garaxe cunha prisma superior, de menor tamaño, no que se atopaba a biblioteca e a zona de descanso. A obra foi fundamental na carreira de De la Sota, que continuaría despois con outras obras como o Goberno Civil de Tarragona e o Ximnasio Marabillas en Madrid.

A construción da Casa Guzmán converteuse nunha obra de referencia visitada, estudada, publicada e gozada por xeracións de arquitectos de todo o mundo, segundo sinala a Fundación Alejandro de la Sota. Esta mesma organización alerta agora de que a obra do xenial arquitecto pontevedrés foi demolida polo fillo de Enrique de Guzmán, herdeiro da casa. Sinalan que se decataron da destrución a través dos profesores Pablo Latorre e Gonzalo García-Rosales do Departamento de Arquitectura da Universidade de Alcalá cando os estudantes acudiron ata o lugar para realiza un traballo universitario.

O enxeñeiro falecía en 2014 e, segundo sinala a Fundación, o herdeiro rexeitou desde entón axuda para atopar un propietario para a casa que puxese en valor a obra, restaurándoa e conservándoa. O herdeiro, en cambio, decidiu construír unha residencia que é definida pola Fundación como unha "bobada". 

A Fundación alerta de que a desaparición física da Casa Guzmán é un asunto moi serio para a arquitectura española que debe facer reflexionar e actuar a todos os implicados, ás administracións públicas, aos colexios profeionales e aos arquitectos que toman decisións. Sinalan que falta cultura, criterio, compromiso e valentía para evitar este tipo de actuacións. Denuncian que ninguén se imaxina que un herdeiro poida destruír un cadro, un libro ou unha escultura dun autor e, malia todo, en arquitectura suceden este tipo de situacións sen que exista amparo por parte da lei.