Polémica pola organización dun campionato de caza de raposos en montes de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo Cotobade
05 de xaneiro 2019

O certame esta organizado pola Federación Galega de Caza e conta coa colaboración de Xunta, Concello de Cerdedo-Cotobade, a empresa Ence e as sociedades de caza de Cerdedo, Cotobade e Coirego

Imaxe do raposo que se atopa na contorna de Santa María
Imaxe do raposo que se atopa na contorna de Santa María

O vindeiro sábado, 12 de xaneiro, terá lugar do XXVI Campionato Provincial de Raposo de Pontevedra que se desenvolverá en montes de Cerdedo-Cotobade.

O certame esta organizado pola Federación Galega de Caza e conta coa colaboración de Xunta, Concello de Cerdedo-Cotobade, a empresa Ence e as sociedades de caza de Cerdedo, Cotobade e Coirego.

O deputado do BNG, Luís Bará denunciou o apoio de administracións gobernadas polo Partido Popular e da empresa Ence a "unha actividade irracional e aberrante" que "se disfraza como competición deportiva e que en realidade consiste na matanza indiscriminada do maior número de animais no menor prazo de tempo".

O Bloque apela á unanimidade coa que o pasado 1 de marzo o Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa nacionalista "na que se instaba ao goberno a non apoiar os campionatos de caza do raposo".

Luís Bará pedirá explicacións á Xunta de Galicia sobre a súa colaboración con " macrocacerías de raposos" e anunciou unha serie de iniciativas para demandar cambios normativos para "prohibir estas pseudoprobas deportivas" que "non están xustificadas nin por razóns de control poboacional nin por potenciais danos producidos polo raposo".