Queda totalmente descartado que a Policía Científica poida acceder ao edificio incendiado no número 4 da rúa Riestra de Pontevedra na madrugada do 8 de xullo para investigar o ocorrido por existir risco de derrube.
A falta de seguridade no edificio é o motivo desta limitación, que xa se adiantou nos días seguintes ao lume e este mércores 30 confirmouse definitivamente.
Confirmárono os técnicos municipais aos axentes da Policía Científica da Policía Nacional de Pontevedra que se trasladaron ao edificio, de novo, a media mañá deste mércores.
Os axentes encargados da investigación xa enviaron un atestado inicial ao xulgado e pretendían entrar para profundar nas investigacións, pero non foi posible. Iso non impediu que inspeccionasen o edificio, pois o fixeron con axuda dun dron.
Así, desprazouse á cidade un dron da unidade aérea da Policía Nacional de Vigo, cun técnico especializado.
O especialista no manexo de drones puido acceder ao edificio a través desta tecnoloxía e tomar imaxes que ahorá serán estudadas polos investigadores da Policía Científica para poder completar o seu informe sobre o ocorrido.
O incendio tramitouse, inicialmente, como fortuíto, aínda que a Policía Nacional segue investigando.
Este mércores, desprazáronse até o edificio afectado tamén axentes da Policía Local de Pontevedra, que colaboraron coa Nacional.