Dous novos coches patrulla pasan a formar parte da flota da Policía Local de Pontevedra.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou este luns os novos vehículos nun paso cara á modernización e renovación do parque móbil municipal.
Ambos os dous coches substitúen a outras unidades que por quilometraxe e antigüidade quedaran obsoletos.
"Chegaron os reis anticipados", afirmou na presentación Vilaverde.
Trátase de dous vehículos do mesmo modelo que o adquirido na anterior licitación, que tamén gañou a mesma casa comercial, o que garante a continuidade dun sistema que ofreceu segundo a edil "un resultado magnífico".

O investimento total para esta operación ascende a 103.834,51 euros.
Un dos vehículos, equipado con kit para o traslado de detidos, tivo un custo de 53.732,26 euros, mentres que o prezo da unidade sen este equipamento foi de 50.102,25 euros.
A Policía Local aposta nesta ocasión por tecnoloxía de motorización híbrida (eléctrico enchufable e gasolina) ao considerarse "a máis eficiente" para o servizo policial especialmente no centro urbano.
O parque móbil da Policía Local de Pontevedra conta na actualidade con 20 coches e 20 motocicletas.
Os novos vehículos entrarán en servizo nos próximos días unha vez finalicen os trámites pertinentes co seguro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.