Policías nacionais e gardas civís piden a dimisión de Marlaska polo agravio salarial e de pensións en que continúan

Pontevedra
16 de febreiro 2024

Convocantes e asistentes iniciaron a protesta gardando un minuto de silencio polos gardas civís falecidos en Barbate en acto de servizo e convocan a unha gran manifestación para o próximo 16 de marzo para seguir reclamando unha equiparación

Concentración da plataforma 'Por unha xubilación digna e plena equiparación' da Policía Nacional e Garda Civil
Concentración da plataforma 'Por unha xubilación digna e plena equiparación' da Policía Nacional e Garda Civil

Policías nacionais e gardas civís de toda Galicia volveron a trasladar á rúa as súas reivindicacións e no caso de Pontevedra concentrábanse ao mediodía ante a Subdelegación de Goberno a pedimento da plataforma 'Por unha xubilación digna e plena equiparación'. Unha protesta que comezaba gardando un minuto de silencio en memoria dos axentes da Benemérita falecidos en Barbate en acto de servizo.

Senten discriminados fronte a policías autonómicas e locais porque estes últimos contan coa consideración de profesión de risco, o que conleva diferenzas económicas en xubilacións e pensións. Diferenzas, que segundo sinalaron están entre 400 e 500 euros mensuais. "Estamos fartos de ser maltratados por un ministro do Interior que en lugar de coidar aos Corpos Policiais, dos cales é o maximo responsable, desprézanos nunha situación tan transcendental como é a xubilación", expoñían e nas súas proclamas escoitouse reiteradamente "Marlaska dimisión".

Engadían que "resulta especialmente lamentable ver como despois dunha sentenza da Audiencia Nacional que obrigaba ao Ministerio para sentar con asociacións e sindicatos, o ministro opta por recorrer a sentenza e dilatar o cumprimento do acordo e perpeturar nosa precaria situación".

Ás súas queixas engádese o ocorrido esta semana na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo onde se votaba a tramitación urxente dunha proposta para recoñecer a profesión policial como profesión de risco ante o aumento de agresións tanto en España como no resto de Europa. Na votación PSOE, BNG, Esquerra, Sumar e Podemos posicionáronse en contra.

A pesar destes votos contrarios a súa reclamación seguirá adiante e someterase a aprobación na reunión da Comisión de Peticións prevista para o 19 de marzo. Un trámite que foi apoiado polos representantes europeos de PP, Europeos Conservadores e Renew. Precisamente durante a protesta representantes do Partido Popular achegáronse para trasladarlles o seu apoio e mesmo tiveron ocasión de intercambiar unhas palabras co candidato Alfonso Rueda.