A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno a adxudicación de dúas parcelas no polígono de Barro por valor de máis de 540.000 euros para a empresa Comercial Vehículos Industriais Tar SL.
Desde 1967, Tar consolidouse como un referente no sector da automoción en Galicia. A súa experiencia abarca tanto turismos como vehículos industriais.
Esta firma ocupará as parcelas E05 e E06 do polígono de Barro que xa conta con 30 empresas instaladas que ocupan o 90% da superficie total deste parque.
Só quedan oito espazos libres, algo que o presidente da Deputación, Luís López, interpreta como una demostración de que este parque industrial impulsado pola adminsitración pontevedresa "xa é un dos grandes polos económicos da nosa provincia".
En base á "gran aceptación" que está a ter por parte das empresas e o "ritmo moi alto de disposición e de adxudicación de parcelas", Luís López anunciou que "en breve imos dar pasos" para iniciar un procedemento de ampliación do polígono.
Resulta prioritario crear parques de reserva empresarial para ampliar o horizonte de oportunidades existentes e atraer investimentos empresariais que contribúan ao incremento económico e, por extensión, aumenten as oportunidades laborais e o grao de expresión social.
Luís López recoñeceu que o proceso de ampliación do parque empresarial "sempre é longo" e empeza pola "disposición de terreo", lembrando que xa había un espazo que estaba previsto inicialmente con esa intención.
En total, o polígono de Barro conta con máis de 1.100.000 metros cadrados repartidos en tres ámbitos de actuación: SUI-1 Barro (170.961 metros cadrados), SRA Outeda-Curro (490.737 m2) e SUI-2 Meis (438.393 m2).
Nestes momentos sitúanse no Polígono de Barro un total de 30 empresas: Hijos de Rivera, Froiz, Autocares Novas Rías, Mariscos Alumar, Estación de Servicio Low Cost, TC Group Atlántico, M&G Técnicos Servicios Globales Logísticos; Aricur, Balvalen, José Benito González Villaverde, Rafael Díaz Buceta, Frutas Moncho ouTransfrío Rías Baixas.
Acuña, Mafari Café, Docer, Tecfrisa, Gescogra, Gasóleos Rías Baixas, Carpas Pontevedra, EDF Solar, CAENOR, Bespi Inversiones, Gestión de recursos y maquinaria, Prosol Energía, Artesa Rías Baixas y Distribuciones Maroño e Hijos, Hierro y Metales Carballeda e Comercial Valquin completan o polígono.
Tamén teñen espazo neste polígono instalacións da Deputación como o viveiro de empresas, o Centro de Apoio Empresarial ou o parque provincial de maquinaria.