Ponte Caldelas acolle un curso de apicultura sostible

Ponte Caldelas
22 de abril 2019

Máis de 20 persoas participarán na acción formativa presencial no Centro Cultural, que tamén ten unha parte on line que se desenvolve ata setembro O obxectivo é capacitar a persoas desempregadas para poñer en marcha explotacións apícolas modernas

Apicultor
Apicultor / Agência Brasília

A Deputación de Pontevedra desenvolve en Ponte Caldelas a parte presencial do curso formativo "A apicultura moderna e sostible", enmarcado no proxecto DepoApicultura, e que se desenvolve ata setembro. 

Este martes e o mércores vai ter lugar, no Centro Cultural de Ponte Caldelas, a formación presencial, en horario de 9 a 14 horas. Esta iniciativa tamén ten unha formación on line, que se desenvolve ata setembro. En total, son 50 horas de formación, 40 a distancia e 10 presenciais. Trátase de actuacións totalmente gratuítas.

DepoApicultura é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que se desenvolve en zonas rurais da Rede Natura das provincias de Pontevedra e de Zaragoza, cuxo obxectivo é o de mellorar a empregabilidade no sector apícola, sobre todo daquelas persoas con dificultades de acceso ao mercado laboral. Dentro destas accións formativas, as persoas participantes aprenderán conceptos e técnicas para levar adiante explotacións apícolas modernas.

O proxecto DepoApicultura inclúe tanto accións formativas presenciais como mixtas. Os cursos presenciais teñen lugar no Rosal, en Vilaboa e en Barro, todos eles xa iniciados. Os cursos mixtos, coma este de Ponte Caldelas, teñen cabida tamén en Salceda de Caselas e no Rosal.