Ponte Caldelas aprobará en marzo a novo rueiro do polígono da Reigosa

Ponte Caldelas
24 de febreiro 2018

Os petróglifos máis representativos de Ponte Caldelas, xunto con topónimos tradicionais da zona, darán nome a partir do mes de marzo ás rúas do polígono industrial da Reigosa. O cambio de denominación será aprobado no pleno de marzo

Xuntanza da Entidade de Conservación do polígono da Reigosa

Os petróglifos máis representativos de Ponte Caldelas, xunto con topónimos tradicionais da zona, darán nome a partir do mes de marzo ás rúas do polígono industrial da Reigosa. O cambio de denominación será aprobado no pleno de marzo.

Así llo trasladou o alcalde, Andrés Díaz, á Entidade de Conservación do polígono nunha xuntanza na que se renovou a súa xunta directiva.

O presidente continuará a ser o director de Orbe, Juan José Vicent. Como vicepresidente estará Ernesto Lumbrera (Aludec) e os cargos de secretario e tesoureiro corresponderán a Carlos Alberto Boullosa (Monteverde). Os vocais serán o alcalde, o representante da sociedade pública autonómica Xestur, Jorge Carballeira, e o director de Arnoia, Alberto Pérez.

O novo rueiro incluirá as rúas Laxe do Barón (situada en Forzáns), Laxe da Irena (Parada), Afiada dos Legóns e Pedra do Cervo (Cuñas). O resto levarán nomes de rochas situadas na área arqueolóxica de Tourón: Outeiro da Forcadela, Outeiro do Pío, Coto da Cubela, Laxe das Sombriñas, Laxe das Cruces, Coto da Siribela, Nabal de Martiño, Coto da Veiguiña e O Recosto.

A esta listaxe engadiranse nomes de topónimos tradicionais da zona onde se sitúa o polígono da Reigosa. Trátase dunha suxestión de veciños da Reigosa que foi aceptada polo goberno local. Para encaixala ampliarase o número de rúas incluídas. A relación final quedará perfilada nos próximos días.

O alcalde subliñou o bo funcionamento que está a ter a Entidade de Conservación, que conta cun orzamento próximo aos 70.000 euros anuais a partir das cotas que pagan os empresarios do polígono. Serve para atender os gastos de xestión e mantemento, entre eles o sistema de vídeo vixilancia.

Díaz tamén valorou os bos resultados dos acordos entre o Concello e os empresarios de  cara á contratación de veciños e veciñas de Ponte Caldelas a cambio de bonificacións fiscais e volveu reclamar que a Xunta de Galicia axilice a aprobación do regulamento urbanístico que permitirá ao Concello outorgar licenzas de construción nos terreos da Central de Transportes.

Arquivado en