Despois de dez anos de tramitación, Augas de Galicia por fin autorizou a construción da futura estación termal de Ponte Caldelas, un proxecto co que o municipio quere recuperar a tradición do seu antigo balneario.
Así o confirmou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que avanzou que "se nada se torce" os traballos comezarán no primeiro semestre de 2026.
"Será a revitalización definitiva do turismo de Ponte Caldelas e recuperaremos o prestixio termal que nunca debemos perder", sostivo Díaz.
O rexedor explicou que o proceso administrativo para esta actuación demorouse en todos os seus pasos, comezando polo tres anos que durou a negociación coa Sareb -o banco malo- para a compra dos terreos.
Tras o parón que supuxo a pandemia, foron necesarios outro tres anos de "burocracia, analíticas e informes" para declarar o uso lúdico e termal das augas e dous anos de trámites para autorizar a demolición e os recheos para devolver o terreo ao seu estado orixinal.

Este proxecto ascende a uns 1,5 millóns de euros.
O edificio será de pedra, sostible, integrado coa contorna e aberto ao Río Verdugo.
Na planta alta, con acceso desde a Avenida de Vigo, disporá dunha zona de restauración, mentres que na parte baixa aglutinará todo o espazo termal, tanto interior como exterior, no que se contemplan varias piscinas de diverso tamaño.
Haberá cinco pozas que se alimentarán con augas termais entre 32 e 34 graos.
A actuación inclúe ademais a restauración da capela situada neste complexo.