Polo momento, a praia fluvial da Calzada non izará a súa bandeira azul. Así llo comunicou o alcalde, Andrés Díaz, á ADEAC, a organización que concede estes distintivos. O motivo? A falta de socorristas para realizar a obrigada vixilancia do areal.
Ponte Caldelas non dispón do número mínimo de socorristas que, segundo os requisitos que marca esta asociación, deben vixiar a praia de maneira permanente durante todo o verán e que neste caso concreto son dous todos os días.
"Hoxe comuniqueille ó presidente de ADEAC a nosa decisión, dende a humildade e o máximo respecto ao galardón", sinalou o alcalde, que avanza que será así "mentres non poidamos ter a dúas persoas permanentemente vixiando o areal".
O goberno municipal fixo xa cinco ofertas de emprego público para a contratación de tres profesionais durante os tres meses de verán, cun salario de 1.232,38 euros brutos ao mes, segundo marca o convenio provincial.
A falta de socorristas é un problema recorrente en case todos os concellos durante o verán, polo que desde a ADEAC amosáronse comprensivos ante este imprevisto.
Para o PP, con todo, esta situación é debida á "nefasta" xestión do goberno e advirten que isto "pon en perigo" a continuidade da bandeira azul para a praia de Ponte Caldelas.