A praia fluvial da Calzada busca socorristas

Ponte Caldelas
04 de xuño 2023

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, anima ás persoas tituladas a presentarse ás probas de selección de persoal que se van desenvolver a vindeira semana. O salario líquido ascende a 1.249 euros ao mes

Praia Fluvial da Calzada
Praia Fluvial da Calzada

"Queres traballar de socorrista na praia fluvial da Calzada?" é a pregunta que lanza o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, nas redes sociais para animar a todas aquelas persoas que cumpran os requisitos para presentarse á selección de persoal que se realizará a próxima semana.

As condicións que se establecen este ano céntranse nun contrato do 15 de xuño ao 15 de setembro en xornada completa. O salario líquido que percibirán as persoas seleccionadas é de 1.249 euros ao mes.

O Concello de Ponte Caldelas lembra que para participar na selección é preciso anotarse no INEM.

Tamén se esixirá estar en posesión do título de Socorrista en Espazos Acuáticos Naturais e permanecer rexistrado no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos. 

A praia fluvial da Calzada conta con bandeira azul. No caso de que non se atopen as tres persoas demandadas que se encarguen do servizo de socorrismo, o Concello veríase obrigado a renunciar á bandeira azul.