Ponte Caldelas acollerá cursos gratuítos para a inserción laboral de 75 persoas desempregadas

Ponte Caldelas
10 de xullo 2025
Actualizado: 12:58

O alumnado obterá a certificación necesaria para traballar en fontanaría e calefacción, instalacións eléctricas, limpeza, restauración e sistemas informáticos

Unha persoa traballando na cociña
Unha persoa traballando na cociña / FORGA

A Fundación para a Orientación Profesional de Galiza (forGA) organiza na súa sede de Ponte Caldelas cinco cursos para a formación e a inserción laboral de persoas desempregadas.

Os cursos comezan en setembro e son 100% subvencionados.

O alumnado recibirá a certificación oficial para optar de forma inmediata a postos de traballo na especialidade que elixa.

Inclúen ademais prácticas en empresas e formación en prevención de riscos laborais.

Hai un límite de 15 prazas por curso e as solicitudes deben facerse na web forga.gal.

O único requisito é estar inscrito como demandante de emprego. 

Os cursos son de Operacións de fontanaría e calefacción-climatización doméstica; Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais; Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión; Xestión de sistemas informáticos, e Xestión de procesos de servizo en restauración.

"Planificamos estes cinco cursos atendendo ás demandas e a realidade do mercado laboral, formando ás alumnas e alumnos dunha maneira práctica para impulsar a súa inserción laboral", explica Antonio Mera, responsable da sede de forGA en Ponte Caldelas.