A Consellería de Presidencia, titular das emerxencias galegas, é o destinatario da declaración de protesta que vén de aprobar o Concello de Ponte Caldelas. Aseguran que o servizo de bombeiros, que se presta a este municipio dende a base do Morrazo, situada en Bueu, é "deficiente" e esixen que se mellore para evitar posibles desgrazas.
Ponte Caldelas denuncia que actualmente danse tempos de resposta superiores a unha hora, moi por enriba dos 20 minutos que a Xunta de Galicia ten fixado como obxectivo para todo o territorio galego.
O órgano de goberno caldense acordou dirixir unha queixa formal ao titular da consellería, Alfonso Rueda, pola tardanza na atención ao accidente de tráfico rexistrado esta semana en Forzáns, na que un vehículo acabou incendiado.
Foron, recordan desde o goberno, que tiveron que ser os operarios municipais, dotados cun camión bomba os que fixeran fronte a unha situación de risco, "para a que carecen da cualificación e a formación necesarias". E sinalan que non é o primeiro incidente similar.
A Xunta de Goberno manifesta a súa inquedanza pola afastada situación da base de Bueu, cando hai parques moito máis próximos, como é o de Pontevedra, de carácter municipal.
Por estes motivos, Ponte Caldelas volve pedir á Xunta de Galicia unha reestruturación do mapa de emerxencias que sirva para cubrir mellor a demanda, aproveitando todos os recursos existentes, e así contribuír a que, no futuro, non haxa que lamentar desgrazas persoais.