O goberno local de Ponte Caldelas fixo chegar aos grupos parlamentarios do PSdeG e o BNG as súas propostas de emendas ao borrador de orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 ao entender que o documento actual deixa sen resolver moitos asuntos que son competencia do goberno autónomo.
O importe das emendas defendidas polo goberno caldelán supera lixeiramente os 6,5 millóns de euros.
Di o goberno local que a principal eiva é a carencia de rede saneamento na maior parte dos núcleos do rural. Así, cun importe total duns 6 millóns de euros, reclámanse os saneamentos de Laxoso, A Fraga, Caritel, Forzáns, Esfarrapada, Anceu, Barbudo, Rebordelo, Regodobargo, Chaín, A Insua, A Roca, Coveliño, Parada, Baltar (terceira fase) e Avecil-Cuñas (terceira fase).
A seguinte reclamación é a apertura e posta en funcionamento da Casa da Quintán como centro de maiores ou centro mixto de maiores e persoas con discapacidade intelectual, para o que se solicita unha partida de 100.000 euros, toda vez que o edificio está rehabilitado dende hai 10 anos.
Para a construción dun ximnasio e un comedor escolar no colexio da Reigosa introdúcese outra proposta de emenda de 250.000 euros.
A reparación e posta en valor dos pasos tradicionais de Taboadelo, sobre o río Verdugo, é a seguinte cuestión recollida, cun orzamento de 60.000 euros con cargo a Augas de Galicia.
Finalmente, proponse unha actuación de ornato interior e adecuación do centro de saúde, que atópase moi abandonado e, por este motivo, suscita numerosas queixas entre a veciñanza. O custo desta actuación é estimado noutros 60.000 euros.
O Concello lamenta que nestes tres anos e medio de mandato municipal a Xunta de Galicia non teña acometido nin unha soa obra ou actuación directa en Ponte Caldelas.