Ponte Caldelas instala en Chan da Barcia un dos arcos desinfectantes retirados

Ponte Caldelas
02 de xuño 2020

Un dos arcos que se colocaran nas rotondas de Pazos e Cuñas como medida de protección contra a COVID-19 foi situado en Chan da Barcia. Todos os veciños e visitantes que o desexen poderán seguir desinfectando os seus vehículos nesta área próxima ao pavillón e o campo de fútbol, sinalan desde o Concello

Arco desinfectante recolocado en Chan da Barcia
Arco desinfectante recolocado en Chan da Barcia / Concello de Ponte Caldelas

O goberno municipal de Ponte Caldelas non renuncia a utilizar os arcos desinfectantes que instalou nas entradas da vila e que a Xunta instou a retirar. Iso si, será nunha área de titularidade do Concello para evitar novos problemas.

Así, un dos arcos que se colocaran nas rotondas de Pazos e Cuñas como medida de protección contra a COVID-19 foi situado en Chan da Barcia.

Todos os veciños e visitantes que o desexen poderán seguir desinfectando os seus vehículos nesta área próxima ao pavillón e o campo de fútbol, sinalan desde o Concello.

O alcalde, Andrés Díaz, asegura que "non debemos baixar a garda" fronte a pandemia, sobre todo en Ponte Caldelas, porque entende que "somos o centro comercial de todos os concellos da comarca e onde cada día se achegan centos de persoas a mercar nos comercios da vila".

Os arcos contaban con cinco metros de altura e estaban "perfectamente sinalizados e ancorados" fóra dos dous carrís de circulación, segundo Díaz. No tempo que estiveron instalados e en funcionamento, máis de 15 días, non houbo ningún incidente con eles.