Ponte Caldelas invita á conselleira de Infraestruturas a "percorrer o perigoso trazado da PO-234"

Ponte Caldelas
18 de novembro 2016

O alcalde envía unha carta a Ethel Vázquez na que lle lembra o obrigado cumprimento do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020

A conselleira Ethel Vázquez
A conselleira Ethel Vázquez / Mónica Patxot

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, enviou unha carta á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na que a invita a visitar oficialmente o municipio e "percorrer persoalmente o perigoso trazado da PO-234".

O grupo de goberno, integrado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, animan a Ethel Vázquez a participar nunha visita conxunta a este trazado de 6,7 quilómetros que une Ponte Caldelas con Augasantas, "porque é o mellor xeito de tomar conciencia real das deficientes condicións de seguridade viaria nas que se atopa".

O goberno caldelán reitera o seu desacordo coa proposta da Xunta de arranxar esta estrada autonómica "só no lado de Cotobade, deixando á marxe a parte máis perigosa e con maior densidade de poboación, que se corresponde co lugar de Laxoso".

O tripartito considera que pasadas as eleccións autonómicas "chegou o momento de volver a enfocar axeitadamente a programación" desta obra de mellora dunha estrada secundaria da rede autonómica que "encaixa perfectamente" nas prioridades fixadas no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020.

Arquivado en