Ponte Caldelas pide á Xunta incluír unha senda peonil e ciclista na PO-234

Ponte Caldelas
26 de outubro 2018

Celebra o anuncio de que a segunda fase será licitada este mesmo ano e pídelle á conselleira asinar canto antes o convenio de cofinanciamento

Estrada PO-234 en Ponte Caldelas
Estrada PO-234 en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O goberno local de Ponte Caldelas celebra as boas novas que volven chegar sobre a execución das prometidas obras da estrada autonómica PO-234 e con este motivo volveu enviar unha carta á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, solicitándolle unha entrevista.

Apuntan mesmo podería celebrarse o día en que a responsable autonómica teña previsto recibir ás directivas da plataforma, da asociación de veciños de Laxoso e da comunidade de montes.

Na carta enviada polo alcalde, Andrés Díaz, en representación do goberno local, anticípase a vontade do Concello de asinar "canto antes" o convenio de cofinanciamento das obras da segunda fase Ponte Caldelas-Laxoso, aceptado dende hai un ano por ámbalas dúas partes, polo que a administración local achegará 40.000 euros a unha obra cuxo importe final de adxudicación estímase nuns 500.000 euros.

Ademais, o goberno local comunícalle á conselleira a súa petición de que se execute unha senda peonil e ciclista neste tramo para reforzar a seguridade viaria nun dos tramos máis perigosos da rede autonómica de estradas e que inclúe as cinco curvas cegas de Laxoso, nas que se producen frecuentes accidentes.

A carta lembra que na primeira e única fase executada desta obra, entre Augasantas e Portasouto, executouse unha senda peonil modificando así un proxecto que xa estaba en execución, polo que agora estase a tempo de encaixala ou de tramitar a modificación necesaria.