Ponte Caldelas pon fin ao abandono do campo de herba sintética de A Barcia

Ponte Caldelas
07 de xaneiro 2017

O goberno local recoñece que está "moi preocupado pola desastrosa situación" na que atopou o campo de A Barcia cando o tripartito tomou o mando xa que desde que se creou hai unha década non foi obxecto de ningún tratamento. Segundo sostén, os danos acumulados "son importantes" 

Traballos de mantemento do campo de herba sintética de A Barcia
Traballos de mantemento do campo de herba sintética de A Barcia / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas contratou unha empresa especializada para realizar os primeiros traballos de mantemento do campo de herba sintética de A Barcia, unha actuación coa que mantén que se pon fin a "dez anos de abandono" nestas instalacións deportivas.

O goberno local recoñece que está "moi preocupado pola desastrosa situación" na que atopou o campo de A Barcia cando o tripartito tomou o mando en 2015 xa que desde que se creou hai unha década non foi obxecto de ningún tratamento. Segundo sostén, os danos acumulados "son importantes", pero gracias a este labor corrixiuse un pouco a compactación que se tiña producido.

Segundo anunciou o Concello este sábado a través dun comunicado, van tratar de acadar achegas da Deputación Provincial ou da Xunta de Galicia para a substitución da herba sintética a curto ou medio prazo. A obra, que ten un custo de preto de 200.000 euros, non pode ser acometida en solitario polo Concello.

O alcalde, Andrés Díaz, explicou que o traballo da empresa Zona de Obra consistiu no pase dunha máquina especializada, dotada de cepillos adecuados, ganchos e púas para a limpeza e posterior levantado do pelo da herba sintética. O traballo durou unha xornada completa para repasar os 6.500 metros cadrados do terreo de xogo. A herba, cunha lonxitude de 6 milímetros, queda deste xeito máis vertical e ofrece unhas mellores prestacións para a práctica do fútbol.

Andrés Díaz subliñou que Ponte Caldelas é o primeiro concello do que teña coñecemento que realiza este tipo de traballo de mantemento, que é habitual noutros países onde as instalacións de herba sintética levan utilizándose máis tempo.