A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, percorreron este luns as rúas da vila para comprobar o resultado das obras que se están acometendo no casco urbano.
Díaz destacou que as obras dos últimos meses foron realizadas "a custo cero para os veciños de Ponte Caldelas, pois fináncianse con fondos europeos e da Deputación de Pontevedra".
A visita comezou na Avenida de Galicia, unha obra que foi adxudicada por 237.173,48 e no seu 80% será custeada por unha subvención europea por redución de emisións mentres que o 20% restante será achegado polo organismo provincial. O mesmo ocorre na obra de mellora da Estrada do Balneario, aínda en execución, que foi adxudicada por 439.389,91 euros e que contará coas mesmas porcentaxes de achegas.
A presidenta e o alcalde estiveron acompañados polo deputado de Cooperación con Concellos, Santos Héctor, e as concelleiras Leticia Rocha e Aurora Garrido.
Outro punto da visita foi a mellora da rúa da Ponte, custeada na súa totalidade, 55.860,18 euros, polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, ao igual que a obra do Paseo Manuel Cordo Boullosa, cun orzamento de 14.648,99 euros tamén con cargo a fondos da Deputación.
No percorrido, Díaz e Silva pasearon pola Praza de España, unha obra que se rematou en marzo de 2019 e que contou tamén con fondos da Deputación de Pontevedra. A presidenta recoñeceu estar "namorada" desta praza.
A visita rematou na Praza de Placeres Castellanos Pan, onde o alcalde Díaz amosou a Carmela Silva as imaxes do proxecto de reforma integral desta praza, co que o Concello de Ponte Caldelas concursa os fondos ReacPon da Deputación de Pontevedra.