Ponte Caldelas promove unha recollida de firmas contra os plans para intervir no Verdugo e Oitavén

Ponte Caldelas
19 de maio 2022

Andrés Díaz contactará por carta coa presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, para trasladarlle o rexeitamento social que existe en Ponte Caldelas o estudo de alternativas á seca no sur da provincia de Pontevedra

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, pasea pola beira do río Verdugo Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas inicia unha recollida de sinaturas para amosar o rexeitamento ás "barbaridades ambientais" que se propoñen no estudo de alternativas á seca do sur da provincia de Pontevedra sobre os ríos Verdugo e Oitavén, tanto en Forzáns, como na Fraga ou como no veciño concello de Soutomaior.

"En Alcaldía pódese recoller o modelo para asinar no momento ou levar para que asinen os veciños. Cantas máis firmas xuntemos, evidenciaremos o rexeitamento social que existe ás alternativas que propoñen no estudo de solucións á seca do sur da provincia", explica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

O rexedor enviará unha carta “con todos os apoios” á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, "para que sexa coñecedora das barbaridades ambientais que se propoñen para Ponte Caldelas neste estudo, co único obxectivo de aforrar custes. Que a Xunta de Galicia e Goberno de España teñan claro que non van asoballar o rural de Ponte Caldelas con trasvases e encoros cando se pode facer unha desaladora en Vigo", indica o alcalde de Ponte Caldelas.

Por outra banda, Díaz considera que a Xunta de Galicia "non paga un estudo para que a cousa quede en nada” e considera "lamentables" as manobras de crear un interlocutor amigo a través dunha plataforma impulsada polo concelleiro do Partido Popular de Ponte Caldelas. 

O alcalde de Ponte Caldelas lembra que xa foi o seu goberno o que paralizou o trasvase do Verdugo que pretendía executar a Xunta de Galicia en 2017, cando xa tiña o proxecto feito e os topógrafos realizando as medicións para iniciar as obras.

"Defender os intereses de Ponte Caldelas, a súa terra, os seus ríos e o seu patrimonio é a miña prioridade", indica Díaz, que non descarta chegar á vía xudicial se algunha das administracións "que pagaron a escote" este estudo continúa avanzando pasos para sacar adiante algunha das propostas "asoballadoras" co rural de Ponte Caldelas.

Arquivado en