Ponte Caldelas repite andaina reivindicativa o 8M coa subida ata o Miradoiro da Castrelada

Ponte Caldelas
25 de febreiro 2021

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Ponte Caldelas conmemorará o 8M, Día Internacional da Muller, cunha andaina reivindicativa. Será o domingo día 7 de marzo cunha subida ata o Miradoiro da Castrelada. Partirá ás dez e media da mañá da Praza de España e o percorrido de ida e volta durará algo máis de tres horas

Andaina reivindicativa pola igualdade en Ponte Caldelas
Andaina reivindicativa pola igualdade en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Ponte Caldelas conmemorará o 8M, Día Internacional da Muller, cunha andaina reivindicativa. Será o domingo día 7 de marzo cunha subida ata o Miradoiro da Castrelada.

Partirá ás dez e media da mañá da Praza de España e o percorrido de ida e volta durará algo máis de tres horas. En total serán preto de 10 quilómetros cunha dificultade media.

As persoas participantes deberán levar roupa e calzado cómodo e axeitado para camiñar e tamén auga para o camiño.

Para respectar as medidas pola covid-19, deberán levar máscara en todo momento, manter a distancia de seguridade e levar xel hidroalcohólico para hixienizar as mans con frecuencia.

Este segundo 'ascenso pola igualdade', ao que están chamadas a participar todas as persoas interesadas, mulleres e homes de todas as idades, subirá ata o Miradoiro da Castrelada.

É un dos picos máis altos dos montes de Ponte Caldelas e dende a cima pódense divisar as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, polo que se trata dun lugar moi simbólico para toda a veciñanza do municipio, destacan desde o goberno municipal.