Ponte Caldelas saca a licitación a mellora da Rúa da Ponte

Ponte Caldelas
27 de febreiro 2021

O Concello de Ponte Caldelas saca a licitación a mellora da Rúa da Ponte, unha das máis transitadas por peóns e vehículos. As empresas  interesadas na realización dos traballos poden presentar as súas ofertas ata o 18 de marzo e o prazo de execución das obras será de 70 días. A obra sae a concurso por 84.078,65 euros (iva incluído)

Proxecto de mellora da Rúa da Ponte
Proxecto de mellora da Rúa da Ponte / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas saca a licitación a mellora da Rúa da Ponte, unha das máis transitadas por peóns e vehículos.

Actualmente, as beirarrúas son moi estreitas e, en determinados tramos, resulta complicado para peóns poder camiñar por elas sen ter que baixar á estrada, o que se supón un importante risco para a seguridade vial. A dificuldade é aínda maior se o que se quere é pasar nunha cadeira de rodas ou un carriño de bebé.

Por iso, a rúa será sometida a unha importante obra para mellorar a mobilidade peonil. As empresas  interesadas na realización dos traballos poden presentar as súas ofertas ata o 18 de marzo e o prazo de execución das obras será de 70 días. A obra sae a concurso por 84.078,65 euros (iva incluído).

Este proxecto de mellora da rúa contempla a ampliación e empedrado das beirarrúas, a instalación de mobiliario urbano e a colocación de xardiñeiras con iluminación LED na parte baixa que deixará unha sutil iluminación sobre o chan de pedra. 

O Concello estende a liña estética da Praza do Bispo ata a ponte romática, tamén empedrada, creando un espazo máis uniforme.

"Seguimos embelecendo Ponte Caldelas para convertela nunha vila do século XXI sen que perda a súa esencia", indica o alcalde Andrés Díaz, que lembra que xa se está a executar a mellora da Avenida de Galicia e que nos vindeiros días comezará tamén a reforma da Estrada do Balneario.