Ponte Caldelas seguirá dotando de máscaras lavables á súa poboación

Ponte Caldelas
20 de abril 2020

Esta segunda repartición constará de máscaras  lavables iguais ás primeiras, que tamén se distribuirán porta a porta

O alcalde reparte máscaras pola vila Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas agarda recibir un novo pedido de máscaras lavables para comezar outra repartición entre a súa poboación. Do mesmo xeito que se fixo na ocasión anterior, este material de protección repartirase porta a porta nas vivendas da zona urbana da localidade, así como nos 33 lugares do municipio.

Andrés Díaz, alcalde caldelano, sinala que "a protección dos veciños é unha prioridade, por iso encargamos unha nova remesa de máscaras e faremos unha segunda repartición". A primeira dotación de preto de seis mil máscaras, estaban confeccionadas con dobre tea TNT, con filtro interior. Isto fainas repelentes a fluídos, bacterias, son hipoalerxénicas e poden lavarse con auga quente e xabón.

Todo este material de protección na súa maioría é confeccionado de forma altruísta por costureras de Ponte Caldelas co material que entrega o Concello.

Doutro lado, desde a administración local apúntase que se durante a primeira repartición houbese quen non recibiu a súa máscara pode poñerse en contacto co Concello, ben a través das redes sociais ou no número de teléfono 986 75 00 13 extensión 2, de luns a venres en horario de 09 a 14 horas.