O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, solicitoulle ao delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, unha xuntanza urxente co fin de abordar en profundidade o problema da atención de emerxencias a este municipio.
Andrés Díaz quere manifestar a necesidade de arbitrar unha solución eficaz e eficiente que permita que as emerxencias que se produzan en Ponte Caldelas sexan atendidas desde un lugar máis próximo, como o municipio limítrofe de Pontevedra, e non depender da mobilización de unidades acuarteladas a máis de 50 quilómetros do punto de intervención que provocan esperas que resultan eternas para as vítimas como sucede agora.
Asemade, o rexedor expresaralle a súa queixa pola falla de resposta á entrevista solicitada hai meses á conselleira para tratar a mellora da estrada Laxoso-Augasantas e pedirlle a súa intercesión "para atopar unha saída satisfactoria a un problema que pode causar vítimas mortais das que só será responsable a pasividade dolosa da Xunta de Galicia".