Ponte Caldelas solicitará unha inxección de liquidez para avanzar nas obras subvencionadas con fondos europeos

Pontevedra
14 de maio 2021

Será unha inxección de liquidez transitoria de 662.277,28 euros polas obras da Avenida de Galicia e a estrada do balneario, que se corresponden coas dúas subvencións concedidas pola Unión Europea. Estes cartos amortizaranse de xeito inmediato en canto se ingresen na conta do Concello as axudas europeas

Obras na avenida de Galicia de Ponte Caldelas
Obras na avenida de Galicia de Ponte Caldelas /

O Concello de Ponte Caldelas solicitará unha inxección de liquidez transitoria de 662.277,28 euros polas obras da Avenida de Galicia e a estrada do balneario, que se corresponden coas dúas subvencións concedidas pola Unión Europea.

Estes cartos amortizaranse de xeito inmediato en canto se ingresen na conta do Concello as axudas europeas.

A operación faise co informe favorable do intervención municipal, que foi quen aconsellou realizar a xestión co fin de evitar tensións de tesourería a final de ano, tendo en conta que o pago das subvencións non é inmediato unha vez finalizada e certificada a obra.

Segundo informa o Concello, esta inxección de liquidez ten un período de carencia de 1 ano e 8 meses e amortizarase de xeito inmediato cando se reciba o ingreso do total da subvención. Suporá para as arcas municipais un custo de aproximadamente 2.000 euros por un ano.

"Búscase así dotar ao Concello de liquidez suficiente en tanto non se percibe o importe das subvencións concedidas que constan e que, unha vez percibidos os importes, a operación será obxecto de cancelación", indica o informe redactado polo interventor municipal.

Ademais das obras nas rúas, está prevista a licitación de preto de 400.000 euros en inversións procedentes da Deputación de Pontevedra.

Trátase dun procedemento habitual nas administracións, como indica o alcalde Andrés Díaz, quen engade que se pode solicitar "porque o Concello goza dunha boa saúde económica". Neste sentido, o rexedor explica que o Concello "rematou 2020 con estabilidade orzamentaria, superávit e pagando todas as facturas no prazo que marca a lei", cuestión que, indica, tamén recolle o informe de Intervención que avala a solicitude da inxección de liquidez.