Ponte Caldelas suspende a súa Noitevella polo mal tempo

Ponte Caldelas
27 de decembro 2017

Todos os actos previstos en Ponte Caldelas para a festa de Fin de Ano foron cancelados. Así o anuncia o goberno municipal. As previsións meteorolóxicas para o domingo, que falan de chuvias intensas, é o motivo desta suspensión

Chuvascos en Pontevedra
Chuvascos en Pontevedra / Cristina Saiz

Todos os actos previstos en Ponte Caldelas para a festa de Fin de Ano foron cancelados. Así o anuncia o goberno municipal. As previsións meteorolóxicas para o domingo, que falan de chuvias intensas, é o motivo desta suspensión.

A festa ía celebrarse baixo carpa na Alameda, pero o Concello asegura que non se pode garantir a seguridade e o benestar dos participantes nunha festa que o ano pasado concitou a máis dun milleiro de persoas.

O pavimento de terra da Alameda non permite un goce axeitado por moito que se instale a carpa e os equipos eléctricos de iluminación e son sofren en condicións de choivas intensas.

O alcalde, Andrés Díaz, explica que, diante destas circunstancias, barallouse alugar o local da antiga discoteca Reyvi, pero xa está reservado dende hai tempo por un colectivo local que vai celebrar alí a súa propia festa de Noitevella, para a que mesmo vendeu entradas, polo que esta opción tampouco foi posible.

Queda tamén suspendida a toma anticipada das uvas, que se celebra habitualmente ás 12.00 horas diante da Casa de Cultura, pois prevese que as precipitacións sexan especialmente intensas durante a mañá.