Ponte Sampaio revive as súas Festas do Carme

Pontevedra
20 de xullo 2026

A procesión marítima polo río Verdugo volveu ser o acto central duns festexos que encheron de vida esta parroquia pontevedresa durante toda a fin de semana

Procesión marítima en Ponte Sampaio
Procesión marítima en Ponte Sampaio / PontevedraViva

Tres días de celebración nos que a música, a devoción e o sentimento de comunidade volveron ser os grandes protagonistas. Así foron as Festas do Carme de Ponte Sampaio.

Como marca a tradición, o momento máis emotivo destes festexos foi a procesión marítima polo río Verdugo.

Tras a misa solemne na igrexa parroquial, a imaxe da Virxe do Carme foi trasladada a ombreiros ata o embarcadoiro situado ao pé da histórica ponte.

Alí, arredor dunha vintena de embarcacións locais arroparon á patroa dos mariñeiros nun entrañable percorrido fluvial, que foi seguido con atención e devoción por veciños e visitantes da zona desde as marxes e a propia ponte.

A xornada dominical completouse coa lectura do pregón a cargo de Bruno Vila, un dos Mozos de Arousa, a música de Louband na sesión vermú e o peche musical co concerto da Banda de Música Artística de Arcade.

Procesión marítima en Ponte Sampaio
Procesión marítima en Ponte SampaioPontevedraViva

O programa de actividades, deseñado pola Asociación Cultural da  Festas do Carme de Ponte Sampaio, incluíu desde a sesión de Groove Amigos e o pasacalles do grupo de gaitas Veira do Río, ata as verbenas coas orquestras Cuarta Calle e Ritmo Joven.

Desde a comisión expresan o máis profundo agradecemento a todos os veciños e veciñas, así como ás numerosas empresas colaboradoras que, coa súa axuda e achegas, fixeron posible que esta tradición se manteña viva un ano máis.

"Un ano máis, Ponte Sampaio demostrou que grazas á unión da vila as nosas tradicións seguen adiante", subliñaron desde a comisión, que tamén agradeceron o apoio de institucións como o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.

As Festas do Carme de Ponte Sampaio despídense, subliñan os seus organizadores, co orgullo de cumprir coa tradición, consolidándose como unha cita entrañable e ineludible para a comunidade local.

Procesión marítima en Ponte Sampaio
Procesión marítima en Ponte SampaioPontevedraViva

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora