Pontebirra desborda as expectativas rozando o seu aforo máximo

Pontevedra
19 de setembro 2021

A feira da cervexa artesá instalada na Praza da Ferrería contou cunha notable asistencia de público tanto na noite do venres como do sábado ata case completar o aforo máximo permitido

Feira de cervexa artesá Pontebirra na Ferrería Cristina Saiz

A segunda edición da feira de cervexa artesá Pontebirra foi unha das grandes atraccións na cidade nas últimas xornadas, desde a súa apertura o pasado xoves.

Tanto é así que en varios momentos, especialmente durante as noites de venres e sábado, a asistencia á Praza da Ferrería desbordou as expectativas chegando a rozar o aforo máximo permitido e enchendo as 90 mesas instaladas.

Segundo o protocolo de seguridade elaborado o tope de asistencia é de 550 persoas no recinto.

Pontebirra, que chega ao seu fin este domingo 19 de setembro, ofrece unha trintena de expositores coa posibilidade de degustar ata 70 tipos de cervexa, ademais de completar a súa oferta con foodtrucks e zona de xogos infantís.