Pontebirra desembarca en Pontevedra con noventa tipos de cervexa artesá

Pontevedra
01 de outubro 2019

A primeira edición deste festival comeza o xoves ás 18 horas, pecharase o domingo pola noite e conta coa participación de trece empresas chegadas de Galicia, Ponferrada e Madrid

A primeira edición de Pontebirra preséntase na Praza de España
A primeira edición de Pontebirra preséntase na Praza de España / Cristina Saiz

A Alameda de Pontevedra será, a partir deste xoves, o centro neurálxico do mundo da cervexa artesanal en Galicia. A primeira edición do festival Pontebirra reunirá na cidade do Lérez a trece produtores chegados de diversos puntos da provincia, tamén de Madrid e Ponferrada; que ofrecerán aos clientes unha variedade de noventa tipos de cervexa. 

"A cervexa artesá está moi de moda, en Galicia temos máis de cincuenta marcas. Este non é un festival para facer moita inxesta, é máis de catar", explicou Esteban Loureiro, o presidente do comité organizador do evento que foi presentado este martes na Praza de España.

"Ademais de promocionar empresas que producen de forma artesá, haberá foodtrucks e talleres infantís", engadiu a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.

Entre o xoves, a partir das 18 horas; e o domingo, ata as 23 horas, estarán abertos ao público os trece postos de venda deste tipo de bebidas. "Os prezos son populares", asegura Loureiro, e moveranse entre os 2 e os 3 euros en función do tipo de cervexa.

Os ingredientes destas bebidas son variados. Hainas de castaña, de licor café, con auga de mar, de 12 graos de alcol ou louras lixeiras, explican os organizadores. Ademais haberá concertos de música en directo todos os días.