Pontenciencia 2019 sacará á luz 47 proxectos de investigación elaborados durante este curso

Pontevedra
10 de maio 2019

Pontenciencia-VI Feira da Miniciencia terá lugar na Escola de Enxeñería Forestal do campus universitario os días 31 de maio e 1 de xuño. Temas como a proliferación das avespas velutinas ou a análise sobre se é necesario botarlle antical ás lavadoras de Galicia son algunhas das propostas que se tratan

Qinta edición de Pontenciencia, a feira da miniciencia de Pontevedra
Qinta edición de Pontenciencia, a feira da miniciencia de Pontevedra / Mónica Patxot

Todo está xa en marcha para que o 31 de maio comece unha nova edición de Pontenciencia, a VI Feira da Miniciencia, que se celebrará na Escola Superior de Enxeñería Forestal do campus universitario durante dúas xornadas.

Trátase dunha iniciativa que promove o pensamento investigador entre a mocidade ao longo do curso. O Concello, a Universidade de Vigo, a FANPA e varias empresas pioneiras de Pontevedra apoian esta cita de carácter científico.

Nesta proposta establécense certames para presentar proxectos de investigación en varias categorías: Ciencia no cole, en familia, destinados a escolares de primaria; e de homenaxe á muller investigadora, dirixidos a alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. En total presentáronse 47 iniciativas.

Nesta ocasión participan 9 colexios con 250 participantes, 9 familias e se presentaron 20 proxectos a cargo de estudantes de ensinanzas secundarias.

Entre as investigacións máis chamativas destacan a establecida sobre a tensión superficial nos líquidos, a enerxía das froitas, a presenza de avespas velutinas ou as análises sobre a necesidade de antical para as lavadoras en Galicia ou se o leite cambia de cor segundo a alimentación das vacas.

Os estudantes de secundaria tamén investigaron ao longo deste curso sobre temas tan interesantes como, entre outros, a contaminación acústica na aula, a velocidade das mensaxes en distintas aplicacións móbiles ou as burbullas platónicas.