O Concello activou unha rede de recollida de pilas e acumulador en todo o municipio para mellorar a xestión deste tipo de residuos perigosos.
A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Servizos Urbanos Básicos dentro do novo contrato de recollida, incorpórase por primeira vez ao servizo de refugallos coa instalación de 75 colectores específicos achegados pola empresa adxudicataria, PreZero.
Estes recipientes teñen unha capacidade de 40 litros e estarán situados no interior de edificios municipais, centros sociais e espazos educativos.
O despregamento xa está operativo en numerosos equipamentos públicos, entre eles o Pavillón Multiusos e o Municipal, os parques de Bombeiros, dependencias da Policía Local e Protección Civil, os mercados municipais, a Casa Azul, a Casa da Luz ou o Pazo da Cultura, entre outros.
A rede tamén se estende aos centros sociais de Burgo, Gorgullón, Leste, San Roque, Monte Porreiro ou Os Campos para facilitar o acceso ao servizo tanto no ámbito urbano como no rural.
A cidadanía poderá depositar as súas pilas usadas nestes puntos durante o horario de apertura das instalacións.
Ademais, o Concello lembra que segue dispoñible o punto limpo fixo, situado no polígono do Campiño, e prevé incorporar no futuro un servizo de punto limpo móbil.
Varios centros educativos contan xa con estes contedores, entre eles os colexios Xunqueira 1, Marcos da Portela, Vidal Portela, San Martiño, Froebel, Álvarez Limeses, Villaverde, Campolongo, Crespo Rivas ou Lérez. Esta opción está limitada ao uso interno de cada centro.
As pilas recollidas serán tratadas por un xestor autorizado contratado pola empresa concesionaria.