O Concello de Poio recibiu o recoñecemento da Fundación Ecopilas por ser un dos tres municipios de toda España que máis pilas reciclou durante as etapas de La Vuelta, grazas á campaña “Reciclar ten premio seguro”.
O acto contou coa presenza do alcalde, Ángel Moldes, do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, e do presidente de Ecopilas, José Pérez García.
Moldes destacou que a presenza da carreira ciclista en Poio foi unha "experiencia extraordinaria", que colocou ao municipio como un "referente deportivo, turístico e organizativo, cun modelo moderno e preparado para acoller grandes eventos".
Durante a saída de La Vuelta desde Combarro, recolléronse un total de 180 quilogramos de pilas, un logro que situou a Poio no terceiro posto a nivel estatal nesta iniciativa.
Para o alcalde, este dato non só reflicte un éxito medioambiental, senón tamén a implicación da veciñanza, que demostrou unha actitude responsable e participativa, tanto nas rúas como na defensa do medio ambiente.
Moldes subliñou que o recoñecemento é tamén un reflexo da aposta do goberno local por integrar deporte, sustentabilidade e participación cidadá "demostrando que é posible medrar, atraer actividade e xerar impacto económico sen renunciar ao respecto pola contorna", asegurou.
Durante o acto, Ecopilas entregou ao alcalde unha placa conmemorativa e anunciou a instalación de novos contedores de pilas en dependencias municipais e establecementos comerciais, reforzando así a rede de reciclaxe do municipio.
O Concello quixo agradecer especialmente a colaboración da Fundación Ecopilas e a resposta solidaria da veciñanza, reafirmando o seu compromiso de seguir traballando para que Poio continúe avanzando como un municipio sostible, responsable e preparado para os retos do futuro.