Un total de 198 persoas presentaron as súas solicitudes para optar a unha das 14 prazas de emprego público de nova creación convocadas polo Concello de Poio.
O Concello pechou o prazo de presentación de solicitudes da súa última convocatoria de emprego público, que busca reforzar os servizos públicos e mellorar a atención á veciñanza.
Segundo o calendario previsto polo Concello de Poio, na primeira quincena de febreiro publicaranse as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas, abrindo un prazo para a presentación de alegacións.
A previsión municipal é que todo o proceso selectivo quede resolto ao longo do terceiro trimestre do ano, permitindo así a incorporación progresiva do novo persoal ás distintas áreas municipais.
Desde o Concello de Poio valórase de xeito moi positivo a elevada participación rexistrada nesta convocatoria, que "pon de manifesto a transparencia no procedemento, garantindo en todo momento a igualdade de oportunidades entre as persoas aspirantes".
Con esta convocatoria, o Concello incorporará persoal en áreas clave do funcionamento diario do concello, como a atención social, as brigadas municipais ou na área de deportes.
As prazas ofertadas corresponden a dúas prazas de traballo social, cinco auxiliares de limpeza, tres operarios de servizos, un oficial de albanel, 2 axudantes de deportes e 1 monitor deportivo.
Todas as prazas cubriranse mediante o sistema de concurso-oposición. A fase de concurso terá carácter non eliminatorio e desenvolverase conforme á normativa vixente, mentres que a fase de oposición permitirá avaliar os coñecementos e capacidades das persoas aspirantes para o desempeño dos postos.