Pontevedra acolle a primeira edición da Feira da Mascota

Pontevedra
21 de marzo 2023

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; e o presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán, presentaron este martes a I Edición da Feira da Mascota

Presentación da I Feira da Mascota PontevedraViva

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; e o presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán, presentaron este martes a I Edición da Feira da Mascota. A actividade está programada para os días 24, 25 e 26 de marzo e desenvolverase no Recinto Feiral.

O evento contará cunha proba de agility, diversas charlas e zonas de expositores con distintas firmas de alimentación, salón de peiteado canino e asociacións locais como Huellas Felinas, Ohana e Os Palleiros

Esta será a terceira ocasión na que Pontevedra contará cunha proba de agility puntuable para o campionato de España despois de celebrar dúas no 2022. Marcos Rey explicaba que na proba competirán cans de toda España e parte de Portugal, e Agustín Fontán apuntaba que "podemos presumir de que os cans correrán na mellor pista de agility de toda España".

A proba desenvolverase ao longo da tarde do sábado e finalizará o domingo á mañá, cun horario independente ao da Feira da Mascota. A proba do sábado comezará ás 15:15 horas co primeiro can en pista, e o domingo arrincará ás 9:30 horas.

A primeira xornada da feira será o venres pola tarde, pero estará aberta só a profesionais. O sábado e domingo a entrada será completamente libre e gratuíta, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20.30 horas, alongándose ata as 21:00 o domingo

Ademais, a feira contará cun total de 23 expositores e diversas charlas que comezarán o venres á tarde cunha sobre os efectos da alimentación na pel do animal. O sábado e o domingo haberá actividades durante todo o día, desde seminarios de salón de peiteado ata Qué fago se atopo cun animal salvaxe ou Fotografía a túa mascota.

O evento contará con dúas zonas diferenciadas para a realización das charlas, a Zona Chisquelo e a Zona Perdigueiro, e outros dos temas a tratar serán a alimentación canina, primeiros auxilios ou fisioterapia con mascotas. Ademais, haberá talleres sobre hipoterapia e equinoterapia, actividades que tratan sobre terapia asistida con cabalos

O presidente da Sociedade Canina Galega quixo mostrar o seu agradecemento ao Concello por acoller un evento deste tipo, afirmando que "espero que non quede na primeira edición e siga adiante". Ademais, Fontán puxo en valor a importancia das mascotas, especialmente dos cans, que "son unha parte fundamental na sociedade".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora