A Boa Vila acolle unha nova edición do Congreso Vetnoroeste, que alcanza xa o seu duodécimo ano. A cita será este venres 19 e sábado 20 de setembro no Pazo da Cultura, onde se darán cita ao redor de 150 profesionais do ámbito veterinario.
Este ano, o congreso céntrase no enfoque One Health, baixo a lema "Coidándoos, coidámonos", destacando a estreita relación entre a saúde animal e a saúde humana. Coidar aos animais é, tamén, coidar de nós mesmos.
A programación arranca o venres pola mañá con dous interesantes talleres previos ao congreso: un sobre citoloxía cutánea práctica, a cargo de Juan Francisco Sánchez Cárdenas, e outro sobre o uso de intelixencia artificial na clínica veterinaria, impartido por Germán Quintana.
Xa pola tarde, darase o pistoletazo de saída oficial ao congreso co relatorio inaugural: "Diabetes Felina", a cargo do doutor Carlos Melián, presidente do Comité Científico de Vetpartners España.
Durante os dous días, os asistentes a este congreso, organizado polo Concello de Pontevedra e o Colexio Oficial de Veterinarios, poderán gozar dun total de 13 charlas ofrecidas por 9 relatores de recoñecido prestixio, que compartirán coñecementos, experiencias e novidades do sector.
O congreso concluirá cunha mesa redonda dedicada a un dos temas máis candentes da profesión: o impacto do Real Decreto 666/2023 sobre o medicamento veterinario.
Debateranse os efectos que esta normativa tivo no día a día da profesión, especialmente no que respecta ao aumento das cargas administrativas e a limitación na dispoñibilidade de tratamentos, particularmente no ámbito dos animais de compañía.
Ademais, o sábado pola tarde celebraranse xornadas de formación continuada para auxiliares técnicos veterinarios (ATVs), completando así unha oferta formativa pensada para todos os perfís do sector.
Como é habitual, o vestíbulo do auditorio acollerá unha exposición comercial, onde distintas empresas do sector presentarán as súas últimas novidades tecnolóxicas e produtos veterinarios.