Pontevedra acolle a firma do II Pacto de Vivenda da Xunta, cun investimento de 2.000 millóns até 2030

Pontevedra
10 de febreiro 2026
Actualizado: 15:00

O II Pacto de Vivenda de Galicia prevé alcanzar as 10.000 vivendas públicas, xerar 60.000 empregos e fomentar a colaboración entre administracións e sector privado

Acto de firma del II Pacto de vivienda de Galicia
Acto de firma del II Pacto de vivienda de Galicia / PontevedraViva

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o sonsenso co que este martes asinouse en Pontevedra o II Pacto de vivenda de Galicia, co que o goberno autonómico prevé mobilizar preto de 2.000 millóns de euros entre 2026 e 2030 para reforzar as políticas públicas neste ámbito.

"Despois de moita análise, despois de moito diálogo, planificación, execución e colaboración, chegouse a este consenso que acabamos de asinar e a partir de agora o que toca é cumprir", dixo.

O obxectivo é alcanzar as 10.000 vivendas públicas no ano 2030, tras sumar 2.000 novos inmobles aos 8.000 que se espera conformen o parque público residencial en 2028.

Durante o acto, celebrado no Hotel Galicia Palace, Rueda subliñou o efecto tractor que terá este investimento público, que permitirá mobilizar ao redor de 5.000 millóns de euros adicionais por parte de empresas e particulares, ademais de xerar ou manter ao redor de 60.000 postos de traballo no sector.

O financiamento do pacto recaerá maioritariamente en fondos propios da comunidade autónoma, que achegará 1.630 millóns de euros, o 82,67% do total. A esta cifra súmanse 241 millóns procedentes do Estado e outros 100 millóns de fondos europeos.

Segundo o presidente da Xunta, o novo acordo é un exemplo dunha política de vivenda baseada no consenso e a participación dos axentes implicados, co obxectivo de garantir a eficacia e o impacto real das medidas previstas.

Rueda destacou a importancia de "pasar da teoría á práctica" e subliñou que este plan debe cumprirse "con independencia de calquera proceso electoral e de quen goberne", reforzando a idea de que se trata dun compromiso compartido entre administracións de distintas cores políticas.

"Hoxe puxemos negro sobre branco, e agora hai que cumprir", dixo o titular do executivo durante o acto celebrado en Pontevedra, cidade que, segundo el, ejemplifica "a colaboración por cousas que de verdade son importantes".

Acto de firma del II Pacto de vivienda de Galicia
Acto de sinatura do II Pacto de vivenda de Galicia PontevedraViva

O mandatario agradeceu a participación dos concelleiros presentes e a chamada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen se desculpou por non poder asistir.

Rueda insistiu na necesidade de actuar "con intelixencia porque os recursos non son ilimitados" e explicou que se explorarán "novas fórmulas de vivenda e axilización de trámites para favorecer a construción, tamén no sector privado".

O plan asinado implica, segundo o presidente, que a Xunta asumirá a responsabilidade directa de entregar 1.000 vivendas públicas para 2030, dentro dun marco de colaboración que prioriza a eficiencia e a correcta distribución entre quen máis o necesita.

Rueda subliñou que cada euro investido será "ben aproveitado" e destacou a relevancia de coordinar cos plans estatais sempre que as condicións sexan viables.

"Galicia calidade tamén é isto, facer vivenda, facela en prazo, facela ben e depués distribuíla ben entre os que máis as necesitan que é tamén entre os que máis as merecen, porque co seu esforzo achegan, cos seus impostos, os cartos para que isto sexa posible", dixo Rueda.

O acto pechou cun chamamento ao traballo conxunto e á execución do acordo. "O que toca agora é porse a traballar. Galicia en materia de vivenda quere aproveitar todo o que se poida ofrecer en condicións realizables. Isto non vai de cores políticas; se sae ben, todo o mundo poderá dicir que tivo participación neste éxito", concluíu.

Acto de firma del II Pacto de vivienda de Galicia
Acto de sinatura do II Pacto de vivenda de Galicia PontevedraViva

Na mesma liña, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que Galicia conta con "unha folla de ruta clara" que pasa por construír novas vivendas, rehabilitar o parque existente e desenvolver solo residencial para responder á demanda.

O II Pacto de vivenda de Galicia fraguouse con "compromiso, traballo e ilusión" no seo do Observatorio da Vivenda de Galicia, un órgano no que están representados todos os colectivos vinculados ao sector, desde a FEGAMP e as organizacións de promotores e construtores até colexios profesionais, cooperativas, asociacións de consumidores e a propia Xunta.

O Pacto de Vivenda da Xunta articúlase en catro liñas que se resumen en facilitar o acceso á vivenda, impulsar a rehabilitación urbana, xestionar solo residencial e aplicar medidas transversais como innovación e axilización administrativa. Inclúe accións específicas para mozos e reforza a vivenda pública como eixo da política social e económica.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora