Actualmente, o Concello de Pontevedra ten estipulado que os concellos da Ría que captan auga do río Lérez paguen 0,183 euros por metro cadrado. Nembargantes, acaban de atoparse cunha situación imprevista de que o Concello de Sanxenxo estipula que o prezo a pagar son 0,1 euros, practicamente a metade, de aí que optaron por intervir e presentar alegacións.
O contexto no que sucede isto é a licitación do novo servizo do ciclo a auga de Sanxenxo. O Concello ten a exposición públicoa o prego de condicións do novo contrato e neste documento establécense os prezos para a compra de auga a Pontevedra a 0,1 euros o metro cúbico. Isto implica que a empresa que resulte concesionaria do contrato debe pagar ese prezo a Pontevedra, case a metade do prezo polo que se compra na actualidade.
O Concello de Pontevedra tivo coñecemento deste prego e os servizos técnicos e xurídicos municipais estudáronos. Finalmente, decidiron que van presentar unha serie de alegacións ao prego de condicións. A principal alegación é a relativa a este prezo da auga.
A concelleira do ciclo da auga de Pontevedra, Carme da Silva, explica que con este documento entenden que "Sanxenxo non quere pagar a auga ao prezo que custa, e paga o que lle dá a gana".
Decidiron alegar porque consideran que se ese prezo queda fixado nos pregos, "isto suporía dar pasos na fixacións duns prezos que non se corresponden cos que deben pagar pola auga captada desde Pontevedra".
O prezo pola compra de auga a Pontevedra volverá regularse no novo organismo supramunicipal que se está xestando nos concellos da Ría de Pontevedra para xestión do abastecemento de auga, pero Da Silva insiste en que, sexa cal sexa o prezo final fixado, o mínimo van ser eses 0,183 euros que se pagan na actualidade.
Para Carme da Silva é "moi grave" esta circunstancia, pois, ademais, Sanxenxo non só capta auga do Lérez, senón tamén do Umia, pero cando o fai do Lérez é, precisamente, en momentos nos que hai máis escaseza de auga. Do Lérez, o Concello de Sanxenxo capta auga na ETAP de Couso.
Carme da Silva tamén critica que no seu documento o Concello sinala que está pendente de resolverse por vía xudicial todo o relativo ao prezo, pero "non é certo; non hai ningún asunto xudicial pendente".