A Xunta de Galicia convocou aos concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas a unha reunión na que abordar a creación dunha entidade supramunicipal para a xestión do sistema de abastecemento de auga.
Este encontro, que estará presidido pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, celebrarase o vindeiro venres 28 de xullo na delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.
O goberno galego xa advertira a estes municipios da necesidade de que constituísen unha entidade supramunicipal para a xestión do sistema de abastecemento, que capta dos ríos Lérez e Rons e que abastece a toda a ría de Pontevedra, para cumprir a Lei de Augas.
Esta normativa autonómica, lembran desde a Xunta, obriga a que haxa un ente supramunicipal de xestión dos servizos da auga cando estes afectan a varios concellos para que sexa este o que tramite as concesións que autoricen e fixen as condicións das captacións.
Desde o executivo autonómico sosteñen que a experiencia da xestión do episodio de escaseza de auga vivida o pasado ano nesta área "pon en evidencia a necesidade de creación dunha entidade supramunicipal para a xestión do sistema de abastecemento"
Ademais da problemática na explotación do sistema de abastecemento en alta da área de Pontevedra e do inicio dos trámites para a constitución da entidade supramunicipal de xestión, na reunión do próximo xoves tamén se abordarán outras cuestións.
Así, a orde do día recolle iniciar os trámites para fixar as condicións de captación de auga dos ríos Lérez e Rons e as perspectivas coas que estes municipios afrontan o verán, tendo en conta o estado actual dos recursos hídricos e as reservas de auga.