Pontevedra aproba unha moratoria fiscal e axilizará o pagamento a provedores

Pontevedra
18 de marzo 2020

O goberno municipal anunciou este mércores unha serie de medidas coas que, dentro das súas posibilidades, tenta aliviar a situación económica de familias e pequenas empresas cuxa actividade se viu afectada polo avance do coronavirus

Comparecencia de Fernández Lores a través de Skype
Comparecencia de Fernández Lores a través de Skype / PontevedraViva

O goberno municipal anunciou este mércores unha serie de medidas coas que, dentro das súas posibilidades, tenta aliviar a situación económica de familias e pequenas empresas cuxa actividade se viu afectada polo avance do coronavirus.

Durante unha comparecencia a través de Skype, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o Concello aprobou unha moratoria no pago da viñeta, que se atrasará "como mínimo" un mes.

Os recibos ían comezar a virarse este mes e, tras esta decisión, o período de pago desta taxa municipal "inicialmente" será en maio.

Ademais, o Concello atrasará dous meses o padrón de mercados e valos, de forma que autónomos e pemes poidan "minorar" os seus gastos en pleno parón da economía municipal.

A iso, o alcalde sumou a orde que deu aos servizos de intervención e tesourería para "garantir" e, na medida do posible, "axilizar" o pago a provedores do Concello e o abono das nóminas porque "facilitar a liquidez é unha das nosas atribucións fundamentais".

Fernández Lores avanzou que o goberno municipal está a estudar outra serie de medidas, que están a ser analizadas polos servizos xurídicos, e sinalou que "todo o que sexa razoable" implementarase en Pontevedra.

"Estamos a revisar todos os decretos e ordes para ver que posibilidades temos para reducir as consecuencias económicas desta situación", engadiu o rexedor pontevedrés, que garantiu que todo o que poidan facer "que non haxa dúbida de que o imos a facer".

A este respecto, o alcalde de Pontevedra afirmou que todo o Concello traballa "full time" para poder prestar os servizos que os cidadáns necesitan. Máis dun centenar de funcionarios están teletrabajando e outro centenar fano, mediante quendas, de maneira física. A eles súmanse todos os efectivos de Policía Local e Bombeiros.

Tras reforzar a atención telefónica aos cidadáns, Fernández Lores lembrou que se habilitaron dúas liñas "específicas" para un servizo "prioritario" como Benestar Social. Trátase dos números 986 85 03 98 e 986 84 83 34, aos que se pode chamar de oito da mañá a oito da tarde ante calquera necesidade por parte das persoas "con máis dificultades".

Tamén se habilitou o teléfono 900 119 741 para as vítimas de violencia machista.

Lores asegurou, en todo caso, estar "moi orgulloso" do comportamento "responsable e solidario" dos cidadáns de Pontevedra e "especialmente" dos funcionarios municipais e dos traballadores das empresas concesionarias.

A pesar diso, volveu a facer un chamamento para que os pontevedreses eviten os desprazamentos que non sexan imprescindibles para contribuír a que esta pandemia "se resolva o antes posible", algo que segundo o alcalde "é responsabilidade de todos".