Poio estuda como reducir a carga fiscal dos veciños e axiliza o pago a provedores

Poio
19 de marzo 2020

Os departamentos de Intervención e Tesourería do Concello de Poio xa están analizando diferentes opcións para impulsar o aprazamento de taxas municipais para a veciñanza e as empresas asentadas no municipio

Comisión de seguemento do coronavirus en Poio
Comisión de seguemento do coronavirus en Poio / Concello de Poio

Os departamentos de Intervención e Tesourería do Concello de Poio xa están analizando diferentes opcións para impulsar o aprazamento de taxas municipais para a veciñanza e as empresas asentadas no municipio.

As propostas dos técnicos municipais serán analizadas na vindeira reunión da Comisión Municipal de Seguimento do Covid-19, que se creou esta semana e reuniuse na mañá deste xoves. O próximo encontro será o luns 23 de marzo ás 12.00 horas

Esta comisión creouse co obxectivo de impulsar todas as medidas necesarias para conseguir frear a propagación do virus, así como para analizar as actuacións que xa se veñen levando a cabo desde que se decretou o estado de alarma. Un dos asuntos abordados foi a situación do pagamento das taxas municipais.

A comisión destaca a importancia de manter a axilidade á hora de facer fronte aos pagos a provedores. Neste sentido, o Goberno local lembra que as facturas aprobadas na última Xunta de Goberno Local xa se pagaron e no sucesivo, ante a suspensión das convocatorias deste órgano municipal, continuaranse aprobando por vía decreto, a fin de evitar que se dilaten os prazos á hora de facer fronte aos abonos.

Así, o Concello anuncia o seu "firme compromiso" de ofrecer á veciñanza, aos autónomos e ao tecido empresarial de Poio ferramentas que axuden a brindarlles desafogo nunha situación tan complicada como a que se está a vivir.

A Comisión de Seguimento tamén aprobou estudar a opción de solicitar á Deputación de Pontevedra fondos do Plan de Emerxencias, que irían destinados a Servizos Sociais. Ditos fondos poderían ser utilizados para contratacións que servisen para reforzar o persoal ou ben para a adquisición de alimentos ou medicamentos para as familias que se atopen en risco económico.

Os corpos de seguridade constatan que, á marxe de incidencias ou incumprimentos moi puntuais, o comportamento que está tendo a veciñanza de Poio á hora de seguir as instrucións marcadas polo estado de alarma "está sendo todo un exemplo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora