Pontevedra aumenta en 600.000 euros ao ano o que paga polo servizo de axuda no fogar

Pontevedra
11 de setembro 2025

Coa modificación aprobada este xoves polo Concello, auméntanse 28.412 horas ao ano. Isto supón pasar de 154.600 horas ao ano a 183.012. O incremento sitúa o custo en 3,6 millóns de euros anuais

Unha persoa en cadeira de rodas Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra aprobou este xoves na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá a modificación de contrato do servizo de axuda no fogar (SAF).

Segundo explicou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, aprobouse un incremento "até o máximo que nos permite a Lei de Contratos que é do 20%" para aumentar as horas que se prestan.

O contrato do SAF está adxudicado á empresa Idades por un prazo de execución de catro anos e un orzamento de 12,2 millóns de euros, dos que aproximadamente a Xunta asume o 60% e o Concello o 40% restante.

Coa modificación aprobada este xoves polo Concello, auméntanse 28.412 horas ao ano. Isto supón pasar de 154.600 horas ao ano a 183.012.

Para facer posible este incremento o Concello deberá incrementar en 600.000 euros ao ano o que se paga por este servizo, o que sitúa a cantidade en 3,6 millóns de euros anuais.

"Temos solicitudes de máis usuarios e por tanto o que facemos é incrementar as horas, os usuarios e a contía anual até o máximo que nos permite a lei", apuntou Eva Vilaverde.

A portavoz do goberno local ha destacado que "este é un dos servizos, sen dúbida, que eleva máis o orzamento deste Concello" e que é entendido como "necesario, básico e imprescindible neste momento".

A través do SAF, o Concello de Pontevedra atende a persoas maiores con dificultades graves na súa autonomía persoal e que presentan problemas para a realización de determinadas tarefas de carácter persoal ou doméstico; ou persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, que afecta significativamente á súa autonomía persoal, que vivan soas ou non poidan ser atendidas suficientemente polas súas familias.

Mesmo atenden a familias con especial dificultade de atención de menores debido á carencia de hábitos para un bo funcionamento da vida cotiá, falta de apoios ou problemas no desenvolvemento da estrutura e dinámica familiares, dando prioridade a familias con menores de 12 anos.

Tamén facilita a xestión de crise de carácter temporal sobrevindas, por exemplo convalecencias tras hospitalizacións ou enfermidades terminais.

O SAF de Pontevedra presta servizo nestes momentos a unhas 200 persoas, a maior parte das mesmas maiores dependentes.