Pontevedra volve ser capital do feminismo coa novena edición de 'As mulleres que opinan son perigosas'

Pontevedra
24 de febreiro 2026

O foro celebrarase os días 13 e 14 de marzo no Teatro Principal coa presenza de xornalistas galegas e nacionais que debatirán sobre violencia machista, desinformación, saúde mental ou o amor e desexo

Presentación novena edición de "As mulleres que opinan"
Presentación novena edición de "As mulleres que opinan" / Cristina Saiz

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá os días 13 e 14 de marzo unha nova edición do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', que entra nunha segunda etapa despois da celebración en outubro das 'Cen mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas'.

Impulsado polas xornalistas Diana López e Susana Pedreira, o encontro, xa consolidado a nivel estatal, reivindica o papel das mulleres nos medios de comunicación, nun tempo marcado pola desinformación, a información sesgada e o desinterese polo rigor informativo.

Nesta nova fase, a organización quere que tanto o público como as relatoras sexan protagonistas, reforzando esa idea de rede e de comunidade que se foi tecendo en Pontevedra a través das amizades e das recomendacións entre compañeiras, facendo posible incorporar cada ano novos perfís de mulleres da comunicación.

Desta forma, segundo adiantou Diana López, este ano o foro aposta por desvirtualizar as profesionais que participaron en liña durante as edicións da pandemia (2020-2021) e por manterse fiel aos seus sinais de identidade como é "rodearnos de referentes da profesión, reivindicar o camiño andado por elas ata a actualidade, dar protagonismo ás profesionais locais e galegas e falar de temas de actualidade e enfoques que non estiveron presentes en edicións anteriores".

Nesa liña sitúase tamén o Premio de Opinión Mulleres Que Opinan, que chega a cuarta edición coa idea de crear canteira de novas voces e consolidar un espazo propio para o pensamento crítico en feminino.

Presentación novena edición de "As mulleres que opinan"
Presentación novena edición de "As mulleres que opinan"Cristina Saiz

Os textos poderán ser enviados por todas aquelas persoas que asistan de maneira presencial ou sigan as xornadas en liña. Será de temática libre, pero partindo dalgún dos temas, reflexións ou ideas escoitadas durante o encontro.

As bases do certame publicaranse o luns seguinte ao foro, o 16 de marzo, no Boletín Oficial da Provincia, e o prazo para presentar artigos permanecerá aberto ata o 10 de abril.

Durante a presentación do evento, Susana Pedreira lembrou que "somos xornalistas e queremos que o foro sexa un exercicio de xornalismo cun peso especial para o ámbito local", polo que a maioría de participantes desta edición serán pontevedresas e galegas.

Así, a mañá do venres e a do sábado estarán marcadas por ese foco no que acontece máis preto, comezando polas gañadoras do III Premio de Opinión, Alba Chaves Abelleira e Dores Tembrás Campos, e pola xornalista do Diario de Pontevedra Alba Moledo Ucha, que presentará a relatorio 'Historia dunha tese: María Luz Morales, unha pioneira rescatada', centrada nunha das primeiras mulleres galegas en exercer o xornalismo.

O sábado abrirase con outra voz de referencia en Pontevedra, Nieves Domínguez Amil, de La Voz de Galicia, que "representa o xornalismo local multitarefa especializándose no que unha sabe facer ben, ten interese en ir palpando o que acontece na cidade, descubrindo actualidades locais, buscando ideas propias e enfocándose en actividades deportivas", engadiu Pedreira.

A violencia machista volverá ser un dos eixes esenciais do programa, con doble presenza nesta edición ao considerala "unha realidade imprescindible". Susana Pedreira lembrou que, no que vai de 2026, en só 24 días foron asasinadas 10 mulleres e 2 menores por esta causa.

A xornalista Fátima Frieiro Santaya, do Diario de Arousa e integrante do Colexio de Xornalistas, ofrecerá a relatorio 'Datos, voces e contexto: claves para o tratamento informativo das violencias machistas', centrada en como se narran estes casos nos medios, que voces se escollen, que datos se poñen sobre a mesa e que contexto se ofrece ás lectoras e espectadoras.

Esta sección completarase coa intervención de Isabel Coello Cremades, xornalista con longa traxectoria e creadora do pódcast 'La casa grande', onde recolle historias de superviventes de malos tratos e visibiliza o labor das profesionais que acompañan e rescatan as vidas das mulleres que saen de fogares de violencia.

A responsabilidade do xornalismo social estará tamén presente coa participación de Rebeca Yanke García, xornalista de El Mundo especializada en psicología e saúde mental desde o punto de vista da responsabilidade

En paralelo, o foro afondará no desafío da desinformación coa intervención de Carmela Ríos Calvo, xornalista e profesora, que escribe artículos de opinión en El País e que analizará a desinformación como un reto para a profesión pero tamén como un problema estrutural que sofre o conxunto da sociedade, moitas veces sen sabelo.

Na aposta do foro por incrementar a presenza de profesionais galegas chega a intervención de Eva Vázquez Lima, pontevedresa, xornalista e delegada de Atresmedia en Galicia, ademais de coordinadora dos centros territoriais de Antena 3 Noticias en España. A súa participación permitirá coñecer como se asume e se exerce un posto de poder informativo desde Galicia e como se conta finalmente á audiencia.

O programa incorpora novidades, como o xornalismo musical, da man de Sara Morales Fuentes, xornalista e directora da revista musical Efe Eme, ou o tratamento do amor e o desexo como obxecto de análise xornalística.

Este último tema chega con Andrea Proenza Zoroquiain, xornalista, investigadora sobre o amor e o desexo feminino, articulista en elDiario.es e divulgadora en redes, que abordará como se representan culturalmente estas cuestións.

Os peches de cada xornada correrán a cargo de Remedios Zafra Alcaraz e Helena Resano Lizaldre.

Zafra, escritora e investigadora, Premio Nacional de Ensaio 2025, falará o venres de 'Liberar o tempo propio: repensar a nosa relación co traballo', unha reflexión sobre o peso que o traballo ten nas nosas vidas, as decisións que condiciona e as posibilidades reais de construír as vidas que desexamos.

Pedreira destacou que o premio que recibiu pon de relevo a baixa representación das mulleres no pensamento ensaístico xa que desde a creación do galardón en 1976, a primeira autora en gañalo foi Celia Amorós en 2006 e, dos 48 premios outorgados, só 7 recaeron en mans de mulleres. "Temos que reivindicar ese pensamento das mulleres nun xénero no que están invisibilizadas", sinalou.

O sábado será a quenda de Helena Resano, rostro de La Sexta Noticias, que pechará o foro con 'Vinte anos de actualidade en directo', apoiada na súa experiencia de dúas décadas informando en tempo real nunha cadea que este 2026 cumpre 20 anos e da que forma parte do equipo fundacional.

A súa participación supón, ademais, unha nova visión e a reivindicación de referentes femininos que seguen en activo, fronte ás voces admiradas pero xa retiradas que protagonizaron outras edicións.

Durante a presentación da novena edición do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacaron a "la necesidad absoluta de escuchar la opinión de las mujeres".

"Si siempre ha sido necesario que las mujeres opinen, en este momento yo creo que es más necesario que nunca", sinalou Domínguez.

"Vemos que estos avances tienen cada día más y más y más gente en contra, a pesar de lo que debería ser. Vemos cómo la gente está absolutamente mal informada, vemos cómo hay mensajes completamente críticos desde las instituciones... Los que somos sensatos tenemos que seguir trabajando y apoyando, debemos ser conscientes y apoyar iniciativas tan maravillosas como las que salieron aquí", afirmou.

Lores, pola súa banda, reiterou que aínda queda un longo camiño por percorrer en prol da igualdade, e recoñeceu que nestes nove anos de foro teñan pasado por Pontevedra cen mulleres referentes e que a cidade se converta durante dous días na capital do pensamento feminista "é un orgullo".

Eloxiou o traballo de Susana Pedreira e Diana López, ás que desexou "un éxito total e absoluto" para que "todos aprendamos a conseguir unha sociedade máis xusta".

Presentación novena edición de "As mulleres que opinan"
Presentación novena edición de "As mulleres que opinan"Cristina Saiz

PROGRAMACIÓN COMPLETA

VIERNES 13 DE MARZO

  • 12:00 horas. Inauguración coas representantes do Concello e da Deputación de Pontevedra
  • 12:30 horas. Gañadoras do III Premio Opinión Mulleres Que Opinan: Alba Chaves Abelleira e Dores Tembrás Campos
  • 13:15 horas. 'Historia dunha tese: María Luz Morales, unha pioneira rescatada'. Alba Moledo Ucha, xornalista do Diario de Pontevedra
  • 17:00 horas. 'Datos, voces e contexto: claves para o tratamento informativo das violencias machistas'. Fátima Frieiro Santaya, xornalista do Diario de Arousa
  • 17:45 horas. 'Xornalismo, psicoloxía e saúde mental: unha cuestión de responsabilidade'. Rebeca Yanke García, xornalista en El Mundo
  • 18:30 horas. 'O desafío da desinformación'. Carmela Ríos Calvo, xornalista e profesora, articulista en El País
  • 19:15 horas. 'Liberar o tempo propio: repensar a nosa relación co traballo'. Remedios Zafra Alcaraz, escritora e investigadora, Premio Nacional de Ensaio 2025

SÁBADO 14 DE MARZO

  • 12:00 horas. 'Actualidade e deportes en clave local'. Nieves Domínguez Amil, xornalista de La Voz de Galicia
  • 12:45 horas. 'Un refuxio compartido: narrando a historia das superviventes de maltrato'. Isabel Coello Cremades, xornalista e creadora do pódcast 'La casa grande'
  • 13:30 horas. 'As mulleres no xornalismo musical'. Sara Morales Fuentes, xornalista e directora da revista musical Efe Eme
  • 17:00 horas. 'Ao mando da coordinación informativa'. Eva Vázquez Lima, xornalista, delegada de Atresmedia Galicia e coordinadora dos centros territoriais de Antena3 Noticias en España
  • 17:45 horas. 'Xornalismo sen fronteiras: mulleres e información en países musulmáns'. Ebbaba Hameida Hafed, xornalista en RTVE e Reporteiros Sen Fronteiras
  • 18:30 horas. 'Amor, desexo e as súas representacións culturais'. Andrea Proenza Zoroquiain, xornalista e articulista en elDiario.es
  • 19:30 horas. 'Vinte anos de actualidade en directo'. Helena Resano Lizaldre, xornalista en La Sexta Noticias

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora