O mercado de abastos acolleu este xoves a presentación de Formación Gastro, o novo plan de capacitación gratuíta dirixido ao sector hostaleiro, turístico e gastronómico da cidade.
A iniciativa, incluída no programa Pontevedra Capital Gastro, desenvolverase entre decembro e abril de 2026.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou que o obxectivo é reforzar as competencias dun sector "amplamente formado pero sempre disposto a mellorar".
A oferta abrangue máis dunha vintena de cursos, desde márketing e xestión de negocios ata protocolos de mesa, todos deseñados á medida das necesidades dos profesionais locais. A inscrición xa está dispoñible a través do espazo Apúntate! na web municipal.
A xornada de presentación combinou formación e gastronomía cun showcooking con produto local a cargo do equipo de Arón Álvarez de Os Maristas, unha mesa redonda con profesionais da hostalería e do turismo, e unha sesión de networking con degustación.
No primeiro andar habilitouse tamén un recuncho dixital con información sobre o plan formativo.
O programa Pontevedra Capital Gastro continúa a encher de vida a praza de abastos, que estes días acolle tamén o Mercado do Emprendemento -con proxectos como VisualGastro, Lúa & Terra ou Té Agarimo- e as ceas para peregrinos da iniciativa A Mesa do Camiño.
Ademais, este sábado celebrarase unha nova edición do Mercado Creativo, centrada no Día da Música, con postos de artesanía, gastronomía e concerto de The Soul Rivers.
Todas estas accións forman parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, co que Pontevedra busca consolidarse como referencia gastronómica e cultural cun modelo de destino sostible.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.