Pontevedra cederá ao Sergas a Casa de Cultura de Ponte Sampaio como solución "transitoria"

Pontevedra
29 de xuño 2020

A situación do consultorio de Ponte Sampaio, sen médico desde hai meses, levou ao Concello de Pontevedra a propoñer ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cesión provisional da Casa de Cultura da parroquia para que de forma "transitoria" se poida habilitar nela a consulta do facultativo

Concentración veciñal en Ponte Sampaio reclamando o retorno do médico á consulta
Concentración veciñal en Ponte Sampaio reclamando o retorno do médico á consulta / Diego Torrado

A situación do consultorio de Ponte Sampaio, sen médico desde hai meses, levou ao Concello de Pontevedra a propoñer ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cesión provisional da Casa de Cultura da parroquia para que de forma "transitoria" se poida habilitar nela a consulta do facultativo.

Así o anunciou este luns a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que mostrou o seu apoio aos veciños que se estiveron mobilizando para denunciar a falta do médico no centro de saúde que existe en Ponte Sampaio. 

O Concello, segundo a súa portavoz, demandou ao Sergas en varias ocasións, a última esta mesma mañá, a reincorporación do médico e que as autoridades sanitarias non dean máis "falsas escusas". O regreso do facultativo é cuestión de "vontade", engadiu Gulías.

Se o problema é de espazo, reiteran desde o Concello, a administración municipal cederá a Casa de Cultura, onde xa estivo situada a consulta do médico, para que se poida restituír o servizo de maneira "inmediata".

Ademais, instan ao Sergas para facilitar os requirimentos técnicos necesarios para buscar unha solución "definitiva" a esta cuestión e poder ofrecer un "abano de posibilidades" para ampliar o actual consultorio da parroquia.

"Dá máis a sensación de que non interesa que o médico volva a Ponte Sampaio e non que sexa un problema técnico", defendeu Anabel Gulías.

O Concello non pechou a porta para ceder a biblioteca da parroquia ao Sergas, pero para iso "dependemos de que nos envíen os criterios técnicos", sinalou a portavoz municipal.