Pontevedra chega a Noiteboa con 904 casos activos por covid-19 tras 60 novos contaxios

Pontevedra
24 de decembro 2020

O ritmo de contaxios pola covid-19 segue sendo alto na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde, nas últimas 24 horas, detectáronse 60 novos infectados. Os casos activos sitúanse en 904, sete menos que onte

Xente con máscaras por Pontevedra
Xente con máscaras por Pontevedra / Cristina Saiz

O ritmo de contaxios pola covid-19 segue sendo alto na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde, nas últimas 24 horas, detectáronse 60 novos infectados. Os casos activos sitúanse en 904, sete menos que onte. 

Os hospitalizados mantéñense estables. Hai 48 pacientes ingresados nos tres centros de referencia para a covid-19 nesta área sanitaria, os mesmos que este mércores.

A maior parte deles, un total de 29, están ingresados en planta do Hospital Montecelo. Nove están no Hospital do Salnés e dous no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

Outras oito persoas, que son as que están máis graves, atópanse ingresadas na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son dous máis que na xornada de onte.

O resto dos que contraeron o virus, outras 856 persoas, atópanse illados nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 5.662 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 67 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 76 falecementos asociados ao virus. 

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 109.184, 972 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 45.607 seroloxías realizadas ata a data. 

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.655, 90 máis que o día anterior. Deles 878 son da área da Coruña, 370 da de Lugo, 522 da de Ourense, 904 da de Pontevedra, 1.265 da área de Vigo, 1.321 da de Santiago e 395 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 51 están en UCI, 286 en unidades de hospitalización e 5.278 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 53.379 persoas curadas, rexistrándose 1.354 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.072.072 probas PCR e 441.797 probas serolóxicas que, nas últimas 24 horas, permitiron detectar a 394 infectados.